miércoles, 11 de febrero de 2009

Manifesto por unha verdadeira política europea para Galicia.


Na véspera dunha nova xeira electoral, este manifesto constitúe unha chamada a tódolos actores implicados no deseño, planificación, execución e avaliación das políticas públicas en Galicia para que contribúan a que Galicia conte cunha verdadeira política europea.

Estae manifesto non representa a ningún grupo formal ou informal, institución, organismo, partido, corrente, empresa ou asociación; os seus asinantes únense a el a título individual con independencia da súa adscricion profesional e ideolóxica. A única motivación deste texto é defender que Galicia ocupe por fin o lugar que merece e lle corresponde en Europa.

Consideramos que:

  • A emerxencia de entidades políticas subestatais (nacionalidades, rexións con competencias lexislativas, Estados federados, territorios autónomos, etc) cobra cada vez máis forza en Europa pero moitas destas entidades políticas non aprenderon ainda a facer política europea.
  • Para facer política Europea non só e necesario estar presente en tódolos eidos institucionais onde estes territorios teñen cabida (estatais, europeos e internacionais) senon fundamentalmente participar neles. Para iso é necesario construír, dentro dos límites legais, mais sen por iso renunciar aos obxectivos últimos de cada un, unha posición política propia de Galicia de acordo cunhas prioridades políticas claramente identificadas.
  • Facer política Europea consiste non só nin fundamentalmente en ter unha presenza institucional ou simbólica.
  • Facer política europea consiste en beneficiarse plenamente das estructuras de participación politica e institucional de que dispomos para:
  • Tratar de influír de xeito responsabel no deseño das políticas públicas da UE, en todos e cada un dos procesos lexislativos que nos afecten e nos debates ideolóxicos sobre o futuro da UE.

  • Influír de xeito responsable sendo conscientes que a defensa dos intereses propios precisa combinarse coa defensa do interese colectivo da UE. Só deste xeito poderemos estar en posición de negociar compromisos e atopar apoios. Non existe Galicia frente a Europa, existe Galicia coma parte de Europa; esta pertenza confírelle dereitos, que deben ser defendidos, nomeadamente o noso dereito á autonomía, pero tamén responsabilidades.

  • Facer política, sen adxectivos. A participación política nos asuntos europeos é sempre unha vía de dobre dirección. Non se trata só de influír nas políticas cando se formulan en Bruxelas, trátase tamén de aplicar as normas acordadas adaptándoas ao territorio e facelo correctamente. Os gobernos autonómico teñen a responsabilidade de aplicar as políticas que contribuíron previamente a deseñar en Madrid e en Bruxelas. Este obxectivo debería constituír para calquera goberno autonómico o eixo principal da súa política europea. Este é o campo onde máis beneficios e resultados tanxibles se poden obter da nosa participación en Europa.

  • Conseguir que Europa sirva os intereses de Galicia. A actuación das nosas institucións e partidos debe basearse na responsabilidade, o bo goberno, o debate, a transparencia e a constancia. As boas políticas e as boas normas reportan ao cabo maiores beneficios cá simple percepción de fondos europeos.

  • Unha mala política europea é aquela que é pasiva, que non anticipa os problemas, retos ou cambios, e só os afronta cando se volven inevitables.
  • Unha mala política europea é aquela que non define as súas prioridades en función das necesidades do territorio e que carece dunha liña de acción política por non ter feito antes unha análise de cales son os nosos intereses sectoriais.
  • Unha mala política europea é aquela que non se apoia nas iniciativas da UE e dos nosos socios europeos para mellorar as nosas propias políticas públicas.
  • Unha mala política europea é aquela que non utiliza plenamente os mecanisos de participación ao noso dispor para influír na formación da posición negociadora do Estado. Guste ou non, a UE segue a ser unha organización internacional feita por Estados e nos que estes xogan un papel moi importante (mais non exclusivo) na toma de decisións.
  • Unha mala política europea é aquela que non ten un persoal que a defina e a execute cos máis altos niveis de profesionalidade, coñecemento técnico e idiomas. Galicia precisa mellorar o coñecemento medio dos nosos funcionarios en asuntos europeos; a parte adicada a Europa na formación dos funcionarios, non só os temas xurídicos senon especialmente no eido das políticas europeas, debe ter moita máis relevancia ca hoxendía. Do mesmo xeito, todo alto funcionario de carreira debería pasar un prazo razoable na delegación de Bruxelas coma requisito imprescindible de promoción profesional. Asi mesmo, cada Consellería debería ter unha unidade especializada nos dossieres europeos que lle afecten, e que sería o punto de coordenación e contacto coa Secretaría Xeral da Unión Europea e a Delegación de Galicia en Bruxelas. A Xunta de Galicia debe dotarse de persoal multilingue, especialmente en inglés e francés, os idiomas de traballo principais da UE, amais de contar cun eficaz servizo de traduccion técnica de normas e documentos.
  • Galicia precisa elaborar unha estratexia consensuada para a acción política en Europa que inclúa prioridades a curto, medio e longo prazo e que vaia máis ala dunha simple declaración de intencións ou dunha análise puramente teórica. Este estratexia e o seu correspondente plan de acción deben ser revisados regularmente.
  • Galicia precisa que exista coordenación entre o Goberno autonómico e as outras entidades públicas galegas á hora de executar esta estratexia. O método da consulta pública, tan usado na UE e noutros países, debe aplicarse sistematicamente tamén no noso país.


25 CLAVES PARA A POLÍTICA EUROPEA DE GALICIA

1 .Unha boa politica europea, alomenos naqueles asuntos estratéxicos de interese xeral, é a que remata no Padornelo.

2. Unha boa política europea é a que busca o consenso interno nos asuntos principais.

3. Unha boa política europea é a que non se deixa levar nin polo euroescepcicismo nin polo europtimismo

4. Unha boa política europea é a que sabe distinguir os temas estructurais e ideolóxicos (reformas dos tratados, fins últimos e grandes liñas políticas da UE) dos desafíos diarios que afectan aos cidadáns e á nosa autonomía.

5. Unha boa política europea é aquela que ten unha perspectiva a medio e longo prazo dos nosos intereses, e non permite que estes se vexan mermados por cuestións de oportunidade política.

6. Unha boa política europea europea é aquela que busca tanto a defensa dos nosos intereses e do noso autogoberno coma o interese xeral dos europeos.

7. Unha boa política europea é aquela que sabe actuar nos asuntos europeos desde o comezo, que non sigue os dictados do Goberno Central ou da Comisión Europea, senón que lles plantexa claramente cales son os problemas e propón solucións alternativas.

8. Unha boa política europea é aquela que dá tanta importancia á formulación das políticas coma á aplicación das mesmas. De feito, xa no momento mesmo de definir a posición negociadora de Galicia haberia que ter en conta como vai afectarnos a implementación dunha determinada norma ou política.

9. Unha boa política europea é aquela que usa frecuentemente o sistema de consulta pública e as análises de impacto previamente á definición da posición do goberno.

10. Unha boa política europea é aquela que non se conforma coa simple delegación no Estado da representación dos nosos intereses en Europa.

11. Unha boa política europea é aquela que tenta influenciar constructivamente tanto a política do Estado coma directamente as discusións en Bruxelas.

12. Unha boa política europea é aquela que leva aos nosos representantes a Bruxelas a negociar asuntos chave nos que Galicia teña unha posición definida e non a facer xestos de relacións públicas.

13. Unha boa política europea é aquela que está baseada na continuidade, o consenso e o profesionalismo.

14. Unha boa política europea é aquela que non delega a representación en Bruxelas a entidades autónomas ou privadas.

15. Unha boa política europea é aquela que se dota dunha Delegación Oficial en Bruxelas.

16. Unha boa política europea é aquela que está realizada por profesionais especializados que representan directa e oficialmente ao Goberno e o Parlamento de Galicia ante as institucións europeas e outros gobernos.

17. Unha boa política europea é aquela que entende que o exercicio das relacións públicas ou a celebración de actos culturáis e de promoción en Bruxelas deben subordinarse e ser subsidiarios da actividade política e lexislativa de Galicia na UE.

18. Unha boa política europea é aquela que dispón dunha Secretaría Xeral de Relacións Coa UE, e só para a UE, que coordene a formulación da posición do goberno e represente ordinariamente ao noso goberno ante as institucións Europeas.

19. Unha boa política europea é aquela na que existe un mecanismo oficial de coordenación dos dossieres europeos entre tódalas Consellerías.

20. Unha boa política europea é aquela na que cada consellería conta cunha unidade de especialistas nos dossieres europeos e se nutre da experiencia do mundo universitario e dos centros de pensamento.

21. Unha boa política europea é aquela aproveita plenamente tódolos niveis, non só políticos (Comisión, Parlamento e Consello) senón particularmente os técnicos (conferencias sectoriais, grupos de traballo técnico, comités de xestión) para exercer a súa influencia.

22. Unha boa política europea é aquela na que a Comisión de Asuntos Europeos do Parlamento de Galicia se reúne con frecuencia para analizar en detalle as iniciativas lexislativas europeas e definir por consenso as posicións negociadoras que o Goberno deberá representar no exterior.

23. Unha boa política europea é aquela que sabe adiantarse aos acontecementos e é capaz de prever eficazmente ás decisións da UE e influír nelas, en particular participando nas consultas públicas ou técnicas da Comisión europea, sobre todo aquelas que teñen lugar na fase prelexislativa, que é cando máis doada e efectiva é esta tarefa.

24. Unha boa política europea é aquela que concibe o Parlamento europeo coma unha instancia privilexiada para influír nas decisións europeas.

25. Unha boa política europea é aquela que esta rexida pola transparencia ante a cidadanía respecto dos obxectivos, accións e resultados concretos acadados.

· Galicia precisa dunha verdadeira política europea. De nada serve estar en Europea para estar calados ou pronunciar verbas baleiras. De nada serve estar en Europa para estar xordos.

· Tódolos galegos e todos aqueles outros que desexen ver unha Galicia máis aberta a Europa, unha Galicia que saiba valerse da súa identidade para aproveitar as oportunidades que ofrece o proxecto político europeo están invitados a sumarse a este manifesto.

Bruxelas, 12 Febreiro 2009

3 comentarios:

  1. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  2. Concordo plenamente con este manifesto plural. Unha boa política galega perante a UE, é aquela que ten identidade propria, sen ataduras, con profesionalidade e con ambicións como nación en Europa, non derivada só da participación en organismos ineficaces e valeiros de contido como o CDR, senon da interaccion Galiza-institucións comunitarias en pe de igualdade.

    Ana Miranda-Voceira do BNG en Bruxelas

    ResponderEliminar